Masturbación

Article on other languages:

A masturbación[1], tanto masculina como femenina, é a estimulación dos órganos xenitais co obxecto da obtención de pracer sexual, podendo alcanzar, ou non, o orgasmo. O verbo masturbar fai referencia á práctica da masturbación. Xeralmente é entendida como unha práctica sexual cun mesmo, se ben tamén se admite o uso do mesmo verbo para a estimulación realizada sobre os xenitais doutra persoa cos mesmos fins pracenteiros (como ocorre na masturbación mutua). A masturbación acostuma a realizarse coas mans, ou mediante o frotamento dos xenitais contra algún obxecto adecuado. Cada día é máis común o uso dos chamados «xoguetes sexuais» para obter este tipo de excitación.

Atribúese a Sigmund Freud o descubrimento de que a masturbación é algo común na infancia. Pero ten na súa contra crer e manter ata unha idade avanzada que a masturbación adulta era a causa dunha das formas de neurose coñecidas na súa época baixo o nome de neurastenia, equivalente na actualidade á chamada fibromialxia ou fatiga crónica. Porén, o coñecemento da sexualidade humana na actualidade débese máis a un coetáneo seu: Havelock Ellis. Este autor non só sinalou que a masturbación era común nos homes, senón que tamén se trataba dunha práctica habitual nas mulleres de tódalas idades. Ademais, sinalou que o orgasmo múltiple era un fenómeno frecuente entre elas.

Índice

Orixe do termo

Empregánse diferentes termos á hora de denominar a esta actividade sexual: masturbación, onanismo, autoerotismo, ipsación,... que son usados popularmente en maior e menor medida. A orixe da palabra masturbación é incerto e os especialistas aínda non chegaron a un acordo. Só se sabe con certeza que era utilizada xa por Marcial, un poeta satírico hispano-romano do século I da era cristiá. Algúns fan derivar a voz masturbación dunha palabra composta por raíces gregas e latinas: μεζεα mezea, que significa “pene” e turba, “alteración”, “perturbación”, “excitación”. Así, masturbación significaría “excitar o pene” (que palabra habería que utilizar para designar a masturbación femenina?). Outros sinalan que procede exclusivamente do latín: manus stuprare (violar coa man) ou manus turbare (excitar coa man). Como non hai acordo entre os lingüistas, pode seleccionarse calquera das orixes. Habitualmente prefírese manus stuprare, porque historicamente considerouse suxo masturbarse. Pero é mellor seleccionar manus turbare, porque resulta unha orixe da palabra máis ecléctica: indica en que consiste o acto, e no prexulga nin o sexo de quen o practica, nin se a actividade á que se refire é boa ou mala.

A pesar de utilizarse como sinónimos, onanismo non significa o mesmo. É unha palabra que se refire ó coito interrompido, actividade sexual que practicaba a personaxe bíblica Onán coa viúva do seu irmán. A lei do levirato esixíalle dar descendencia ó seu irmán na súa viúva para que esta non quedara desamparada (as viúvas sen fillos devolvíanse á súa familia) ó administrar os bens que eles herdarían do avó. O pecado polo que foi castigado Onán non tivo nada que ver co sexo, senón coa cobiza. El non quería dar descendencia ó seu irmán para quedar con toda a herdanza do seu pai.

Técnicas

Masculinas

A maioría dos homes mastúrbanse agarrando o pene coa man e movéndoa para arriba e abaixo ou para adiante e atrás, segundo estean sentados, deitados ou de pé. Outros non utilizan toda a man, senón que agarran a zona onde comeza o glande entre os dedos índice e maior por un lado, e o polgar polo outro lado.

Non tódolos homes frotan todo o corpo do pene; concéntranse no seu extremo, na zona do glande, que é a eroticamente sensible.

Os homes non circuncidados non acostuman necesitar o uso de lubricantes, porque o prepucio xa mitiga os efectos do roce directo por si mesmo. Hai tamén quen os emprega para engadir sensacións á súa actividade. O uso de lubricantes é máis común entre os homes que teñen o seu pene circuncidado, co fin de facilitar o deslizamento da man sobre o glande.

Existen artiluxios mecánicos e eléctricos para que os homes se masturben: bonecas inchables, vaxinas artificiais, bombas de baleiro, etc. Tamén poden utilizar vibradores, concentrando a súa actividade sobre o glande.

Femininas

A inmensa maioría das mulleres (98%) mastúrbase estimulando a zona do clítoris. A cuarta parte delas acostuma a engadir tamén ao estímulo da vaxina introducindo os dedos, consoladores ou vibradores, para incrementar as sensacións pracenteiras. Pero o estímulo exclusivo da vaxina para masturbarse é un procedemento extremadamente minoritario, malia o que amosan as películas pornográficas.

As mulleres utilizan os dedos para masturbarse; estimulando o clítoris indirectamente ó frotalo a través do prepucio do clítoris, ou menos frecuentemente estimulando directamente o glande do clítoris. Soen lubricar os dedos (sobre todo se estimulan directamente o glande do clítoris) ben introducíndoos de cando en vez na vaxina para estender a súa humidade ó clítoris, ben mollándoos coa propia saliva.

A gran maioría das mulleres (73%) mastúrbanse deitadas (ou no baño) e coas pernas abertas, un 10% faino boca abaixo e coas pernas máis xuntas ou moi xuntas. A metade destas últimas non empregan os dedos para masturbarse, senón que se frotan contra unha almofada, o borde das sábanas ou montando algún boneco de peluche.

O 3% das mulleres mastúrbase en calquera postura simplemente contraendo os muslos. Outro 2% faino empregando o chorro de auga da ducha ou a bañeira. E existe un 2% máis que o fai sen mans, estimulándose só con fantasías.

A pesar das numerosas técnicas existentes para masturbarse, a maioría das mulleres (71%) acostuman a serlle fieis a unha delas durante toda a súa vida.

O uso de dildos, vibradores e outros xoguetes eróticos estase estendendo cada vez máis entre a poboación femenina. Non resulta fácil saber cantas os empregan. Pero as diferentes enquisas demostran que entre unha de cada catro e dúas de cada tres mulleres, segundo os países, utilizan estes artiluxios para os seus xogos solitarios.

Estensión da masturbación

Practicamente toda a poboación sa se masturba desde idades temperás ata o final da súa vida, se a saúde llo permite. Viuse con ecografías a fetos de ambos os sexos masturbándose no útero materno[2].

A análise das estatísticas oferece como cifra probable de homes que se masturban a do 92% ou 94%. Para as mulleres, os datos son máis inseguros pola coñecida inhibición femenina á hora de recoñecer esta práctica. Pero do estudo das diferentes cifras manexadas polos investigadores, sábese que se masturban entre o 85% e o 93% das mulleres, en conxunto. Se a análise se centra só nas mulleres orgásmicas (séndoo o 90% da poboación feminina), encóntrase que se masturban entre o 91% e o 99% delas, practicamente todas.

Afirmaciónes populares acerca da masturbación

  • "Os homes mastúrbanse máis":

Soe afirmarse que os homes se masturban cunha frecuencia que duplica a das mulleres. Pero existen investigacións que demostran que os homes menten sistematicamente nas enquisas sexuais exaxerando a frecuencia coa que acoden ó autoerotismo, mentres que as mulleres menten en sentido contrario, minimizando a frecuencia (é típica a resposta feminina de "facelo unha vez ó mes"). Se se corrixen as afirmacións duns e outros, os datos converxen nos que amosan algunhas investigacións serias: que homes e mulleres acoden á masturbación cunha frecuencia similar[1].

  • "Os homes comezan a masturbarse antes cás mulleres":

Tampouco é certo que os homes se inicien na masturbación antes cás mulleres por ter un órgano sexual tan “evidente” e que ten que tocarse a diario por razóns fisiolóxicas e hixiénicas.

Está demostrado[1] que hai máis mulleres ca homes que se inician na masturbación antes dos 10 anos de idade. Fano así entre o 20% e o 42% das mulleres, e entre o 3% e o 13% dos homes. Tamén hai un 42% a 52% de mulleres que comezan a facelo, como os homes, durante a adolescencia. Por iso, as mulleres aprenden a masturbarse espontaneamente con maior frecuencia cós homes (fano sendo máis nenas e sen falar con ninguén do tema), que acostuman a iniciarse máis tarde, tras falar cos seus compañeiros ou ler sobre o tema (mulleres: entre o 57% e o 62%; homes: 28%).

  • "As persoas deixan de masturbarse cando inician relacións sexuais":

Outra vella idea, falsa, que se resiste a sucumbir. Lonxe do que afirma o tópico, os homes e as mulleres continúan masturbándose despois de establecer relacións de parella. Incluso aínda que tales relacións sexan satisfactorias, o 75% dos varóns e o 75%-91% das mulleres emparelladas continúan facéndoo[1].

Observouse que mentres a frecuencia coa que os homes emparellados acoden á masturbación disminúe desde o momento en que comezan a ter relacións sexuais e segue descendendo co paso do tempo, nas mulleres a frecuencia mantense igual ou aumenta na maioría dos casos, sobre todo entre as que son máis novas. Esta idea contradí, igualmente, o tópico.

As razóns polas que a masturbación se mantén entre personas emparelladas son explicadas máis abaixo.

  • "As persoas que se masturban íllanse socialmente":

A masturbación non produce illamento[1]. Xa se comprobou que a maioría dos seres humanos se masturban e teñen relaciónes sexuais e sociais sen ser por iso seres illados.

O que si sucede é o contrario: as persoas illadas que non saben relacionarse cos demais, só poden desenvolver unha forma de satisfacción sexual: a masturbación. Pero non porque recorran a ela como consolo. Mastúrbanse como tódolos demais, pero non son capaces de desenvolver a actividade sexual que apetece compartir con outras persoas porque non son capaces de relacionarse con esas persoas.

O primeiro é o illamento e o secundario que se masturben, non ó revés.

Masturbación, saúde e psicoloxía

Tanto para evitar os embarazos non desexados como para evitar enfermidades de transmisión sexual, a masturbación é a práctica sexual máis segura. Non existe ningunha evidencia científica nin médica de que a masturbación manual dane a saúde física ou mental: nin fai crecer pelos na palma da man, nin encolle os xenitais nin afecta ó crecemento (como pensaban xeracións anteriores). Non obstante, as persoas poden experimentar sensacións de culpa durante a masturbación ou despois da mesma se foron suxestionados na súa contra con anterioridade (ver "a masturbación ó longo da historia" máis abaixo).

A masturbación é a primeira forma de expresión que ten a sexualidade humana. E, en segundo que casos, acostuma ser tamén a última. En calquera caso, é a forma na que o individuo se identifica como ser sexual que é, aprendendo por si só a calmar as súas tensións sexuais e as doutro tipo mediante o orgasmo que produce a masturbación. Iso sérvelle para crear unha esfera de privacidade na que pode refuxiarse cada vez que o necesita.

Chegada a adolescencia, o interese sexual faise máis puxante, e a capacidade fantaseadora enriquécese. É o momento no que os suxeitos aprenden a proxectar as súas fantasías sexuais noutros e comezan a desexar facer partícipes da súa sexualidade ós demais (normalmente as súas parellas).

Por tal razón, a masturbación e as relacións sexuais non son excluíntes entre si, como se cría antes, senón complementarias. Satisfán necesidades diferentes. As relacións sexuais satisfán esa parte da sexualidade individual que se desexa compartir cos demais e a masturbación constitúe o refuxio que permite satisfacer outras necesidades de intimidade que cada cal se reserva para si.

Nada diso é patolóxico.

O 16 de xullo de 2003 un equipo de investigación australiano, dirixido por Graham Giles de The Cancer Council, publicou un estudo médico e concluíu que a masturbación frecuente nos homes pode axudar a previr o desenvolvemento do cancro de próstata, e que pode ser máis efectivo que a exaculación mediante o coito, porque non hai risco de contraer enfermidades de transmisión sexual, que incrementarían o risco de cancro.

O informe, publicado pola revista "New Scientist", asegura que os homes que exaculan máis de cinco veces á semana entre os 20 e 30 anos son un 30% menos propensos a desenvolver un cancro de próstata.

Pero tales datos no deixan de ser meramente especulativos. Necesitarían maior corroboración científica, e que se baseen nun seguimento regular de centos de suxeitos que fixeran un diario sexual. Posto que está demostrado que os homes refiren case sempre masturbarse con maior frecuencia da real, é posible que a citada investigación, baseada nos recordos dos suxeitos estudados, se encontre sesgada por ese factor memoria.

Tradicionalmente díxose que a masturbación produciu toda sorte de danos que a moderna sexoloxía demostrou son falsos. Convén non caer no lado oposto e darlle á masturbación maiores beneficios dos que xa reporta como parte integrante da sexualidade das personas.

A masturbación ó longo da historia

A medicina moderna recoñece que a masturbación non produce danos significativos a curto ou longo prazo, e considéraa unha práctica normal, e incluso antiestresante.

Ó longo da historia, porén, sempre houbo voces afirmando que a masturbación era un acto inmoral. E a base de tal criterio estaba en que a masturbación impedía que a especie humana se mantivese viva sobre o planeta. Iso era evidente no caso da masturbación masculina pola emisión improductiva de seme. E no caso da masturbación femenina tamén, pois, crían, se as mulleres se masturbaban poderían afastarse dos homes por preferir autocompracerse.

Non foi ata o século XVIII que ó suposto "dano moral" que ocasionaba a masturbación se engadiu o "dano físico", comezando a dicirse que a masturbación, ademais de condenar as almas, ocasionaba un número incrible de enfermidades. Ideáronse moitos métodos para descubrir os nenos e nenas masturbadores, creándose numerosos remedios contra a masturbación. Algúns deles eran comer regularmente copos de millo (díxoo o médico apelidado Kellogg, dono da famosa marca...), luvas ásperas, aparatos especiais que impedían acceder ós xenitais, descargas eléctricas, tratar os xenitais con ortigas, ou extirpalos cirurxicamente.

En décadas posteriores, o terrorismo psicolóxico reemprazou as outras medidas. Por exemplo, decíaselles ós nenos que ó se masturbaren creceríanlles pelos nas mans, a cara volveríaselles verde, secaríaselles o pene ou o clítoris, entolecerían, saeríanlles grans na cara... Nos EE.UU e outros países angloparlantes, comezouse a practicar de forma rutinaria a circuncisión neonatal debido a un suposto efecto preventivo contra a masturbación, e a clitoridectomía á rapazas que eran descubertas facéndoo. Esta última abandonouse ben entrada a década de 1930, pero a circuncisión neonatal dos varóns séguese a practicar (con pouco éxito, dada a grande extensión da masturbación).

Está demostrado cientificamente que a masturbación é algo natural sen efectos negativos.

Notas

Os contidos deste artigo extraíronse do libro abaixo citado, que basea as súas conclusións na análise de 394 referencias bibliográficas:

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Ramos, Jesús (2002), Un encuentro con el Placer. La Masturbación Femenina, Madrid: Espasa-Calpe. ISBN: 84-670-0279-4
  2. Meizner I., Sonographic observation of in utero fetal "masturbation", Journal of Ultrasound in Medicine, 1987

Véxase tamén

Outros artigos

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:

Ligazóns externas

This article is from Wikipedia. All text is available under the terms of the GNU Free Documentation License.